sábado, setembro 03, 2011

ALBA E KINO


Alba, apertada ao seu oso de peluche, Kino, observaba aquela señora que era tres o catro veces más alta ca ela.
A señora vestía uniforme, un uniforme de saia e chaqueta azul con camisa branca, que lle facía sentirse importante.
Hai xente que, cando veste uniforme, se cre moi importante, mais da que quitan o uniforme xa non.
Xente estraña.
Alba observaba como na fila de embarque ao avión, cada vez faltaba menos para chegar até aquela señora. Apertaba máis e máis o Kino.
Ao chegaren á altura da señora de uniforme, esta díxolle á mamá de Alba:
– Só un vulto de equipaxe por persoa.
Alba, ademais do seu osiño, levaba unha pequena mala.
Alba non pensaba que o seu Kino fose “un vulto da equipaxe”, mais a señora do uniforme si o pensaba, que estraña era.
A nai de Alba debeu pensar que era inútil discutir con aquela señora, que seguramente tiña cairos de vampiro, aínda que os escondese moi ben.
A mamá de Alba díxolle a Alba:
– Cariño, imos a meter o osiño na mala, ímoslle facer un cuarto, como nun hotel.
A Alba non lle facía nin un chisco de graza, mais viu como a señora en uniforme, dese alí arriba, case a rañar no ceo, ollaba para ela con cara de ben poucos amigos, como se pensase que unha nena así para o almorzo, con patacas fritidas e mollo de tomate, estaría boísima.
Alba deulle o oso á mamá, mais esta non tiña mans, así que llo deu á señora en uniforme para ela llo suxeitar, mentres facía un oco na maleta de Alba.
A señora en uniforme non se esperaba aquilo.
Puxo uns ollos como pratos.
Alba pensou que a señora ía queima-lo osiño  cos ollos, porque os abría tanto que parecía que ían prender.
Que momento.
A mamá a facer un oco na mala de Alba e a señora antipática en uniforme a suxeitar o osiño de Alba como se lle dese un noxo inmenso.
Cando a mamá deu feito un oco na maleta, recolleu o oso das mans da señora de uniforme e colocouno na maleta de súa filla.
Fixéralle unha camiña.
E marcharon Alba e súa mamá polo corredor avante, cara ao avión.
A señora en uniforme mirouse entón as mans e a blusa, que presentaba unha nódoa considerable.
As mans las tíñaas molladas e desprendían un cheiro moi forte.
Non o podía acreditar.
Só murmurou moi baixiño:
– Será posible o noxento do osiño, fixo pis enriba de min… 


© Frantz Ferentz

Sem comentários: