Durante anos, polo menos des que tiña memoria, o Polisauro García aterraba cada vez que ollaba por aquel burato que había na parede das escadas do seu portón. Do outro lado estaba escuro, moi escuro, mais en pondo o rostro naquela fenda, o Polisauro podía ver unha criatura horríbel, fea, de instintos asasinos.
Non había vez que o Polisauro non metese alí o rostro e vise aquel ser do outro lado, como se tivese estado á súa espera para mostrar o seu aspecto horripilante. Si, arrepiaba. Tanto era así, que durante anos o Daniel deixou de ollar por aquel burato para non ter que ver o rostro daquel ser.
Mais cabo dos anos, cando xa era adolescente, o Polisauro quixo demostrarse a si mesmo que era valente. Volveu a ollar. E volveu a atopar aquel ser aterrador. Porén, o Polisauro xa contara con iso. Xa tiña decidido como lle aprender unha lección ao monstro do outro lado da fenda.
Malia a escuridade, sabía que acertaría. Colleu o seu tirapedras, estirou a goma e lanzou con precisión unha pedra a través da fenda. Uns segundos despois soou algo parecido a cristados quebrados.
E logo nada.
O Polisauro volveu a ollar. E xa non viu nada. Nada.
O monstro desaparecera, talvez espantado polo barullo dos vidros ao caeren enriba del.
O Polisauro máis nunca volveu a ver aquel rostro terrorífico, porque non chegou sequera a sospeitar que o que el quebrara non era senón un vello espello escachado que alí quedara esquecido había décadas, que reflectía no escuro e en fragmentos o rostro do propio Polisauro García cando el polo burato ollaba.
© Texto: Frantz Ferentz
© Imaxe: Alberto Frías
Sem comentários:
Enviar um comentário