quinta-feira, junho 09, 2016

O ROBOT DE DESTRUCIÓN MASIVA [+8 anos]

 

— Mamá, dásme vinte euros? —preguntou a Abilia á súa nai debruzando pola porta do salón, mentres a nai batía nas teclas do telemóbil enganándose con elas unha en cada dúas veces.

A mai interrompeuse, ergueu os ollos e dixo:

— E logo? Xa gastaches toda a paga que che din para este mes?

— Gastei. Non podes adiantarme vinte euros do mes vindeiro? Fáltame un compoñente para rematar un raio láser do meu robot de destrución masiva.

— Olla, filla, lamento moito, mais non che teño troco. Só teño unha nota de cincuenta euros e esa non cha podo dar, porque outramente non fago hoxe as mercas. 

A Abilia deu un puntapé á parede e marchou toda anoxada. 

A mai suspirou aliviada e continuou a bater nas teclas. Escribiu con moito esforzo: «Parei por agora a nena. Gañei un mes máis de vida para o planeta». Mais como faría para a súa filla demorar aínda máis na construción dese robot de destrución masiva? Como? E principalmente, até cando podería xustificar manterlle a paga conxelada para que non lle chegase para os compoñentes de que precisaba?

Que duro é ser mai!


— Mamá, dás-me vinte euros? —perguntou a Abília à sua mãe debruçando pola porta do salom, mentres a mãe batia nas teclas do telemóvel enganando-se com elas uma em cada duas vezes.

A mãe interrompeu-se, ergueu os olhos e dixo:

— E logo? Já gastache toda a paga que che dei para este mês?

— Gastei. Nom podes adiantar-me vinte euros do mês vindeiro? Falta-me un componente para rematar um raio láser do meu robô de destruçom massiva.

— Olha, filha, lamento muito, mas nom che tenho troco. Só tenho uma nota de cinqüenta euros e essa nom cha podo dar, porque outramente nom fago hoje as mercas. 

A Abília deu um pontapé à parede e marchou toda anojada. 

A mãe suspirou aliviada e continuou a bater nas teclas. Escreveu com muito esforço: «Parei por agora a nena. Ganhei um mês mais de vida para o planeta». Mas como faria para a sua filha demorar ainda mais na construçom desse robô de destruçom massiva? Como? E principalmente, até quando podería justificar manter-lhe a paga congelada para que non lhe chegasse para os componentes de que precisava?

Que duro é ser mãe!


© Frantz Ferentz, 2016

Sem comentários: