domingo, junho 05, 2016

VIAXE AO PAÍS DOS HOBITIÑOS [+12 anos]

   Naquela mañá, de repente, a Cesca ergueuse cunha sorpresa. O seu pé esquerdo era moito maior do que o seu pé dereito. Ela estaba ben certiña que aquilo non fora así na noite anterior, que, cando fora deitarse, ambos os pés eran igualiños.
   Porén, agora un era meirande do outro. Axiña chamou para a nai:
   – Mamá, ven ver a desgraza que me aconteceu.
   A nai acudiu rapidamente. Non precisou de explicacións, axiña viu o que se pasaba.
   – Coido que che debo unha explicación –dixo o nai–. Mais antes confírmame unha cousa: non caíches polas escadas, certo?
   – Non.
   – Daquela has saber que o que che acontece é xenético.
   – De que estás a falar? –quixo saber a Cesca, para quen todo aquilo soaba a misterio insondábel.
   A nai suspirou. Sabía que chegara o momento de contar a verdade á filla.
   – Lembras que sempre che dixen que o teu pai morreu nun accidente no espazo exterior na colisión de dous transbordadores, porque o piloto da outra aeronave excedera a taxa de alcohol permitida?
   – Lembro.
   – Pois non é certo. Teu pai non era piloto de transbordadores espaciais, teu pai era e é un hobbit, mais por aquí chamámoslles hobitiños.
   – De que estás a falar?
   – Verás, acontece que nesta casa hai un portal espazo-temporal que permite viaxar a outras dimensións. Cando adolescente, eu atraveseino unha vez. Fun parar á aldea dos Bolsóns. Alí me apaixonei por un pequeno hobitiño, chamado Hugo. Como eu son pequeniña, el case nin notaba a miña estatura superior... Bo, non che vou entrar en detalles. A cousa é que nove meses despois daquilo naciches ti...
   – Que historia tan tenra –dixo a Cesca, quen por un momento se deixou levar polo romantismo, en vez de pola súa situación tráxica con aquel pé inzado.
   – É evidente que a xenética do teu pai está a se manifestar. Por iso tes ese cacho de pé.
   – Si, mais o outro continúa a ser normal.
   – É certo.
   A Cesca continuou a pensar un momento.
   – Mamá, ese portal continúa aberto?
   – Só abre nas lúas cheas.
   – Hoxe haberá lúa chea! E onde está?
   – No cortizo vello do umeiro fórmase unha espiral. Tes que saltar por alí. Fica aberto apenas un minuto. Despois non se pode retornar até a próxima lúa chea. Mais ten coidado como o fas, porque eu unha vez, querendo voltar, aparecín no Uzbequistán e miña nai castigoume sen sobremesa vinte e cinco anos, por iso eu aínda non tomo sobremesa, porque me dura o castigo dela.
   – Tereino presente.
   A Cesca preparou unha mochila con varias cousas e foi para o vello umeiro. Quería coñecer o seu pai e resolver o seu problema do pé, mais camiñar cun pé que parece un zapato de mergullador évos ben complicado. Con todo, conseguiu chegar xusto cando o portal abría no toro da árbore.
   Así, case un mes despois, durante a seguinte lúa chea, a Cesca voltaba onda ela. Petou na porta da casa. A nai foille abrir.
   – Filla, estás ben?
   Mais a Cesca, en vez de responder, acenou para o pé dereito. Víase que era tan grande coma o esquerdo.
   – Agora xa teño os dous pés de hobitiño, mamá!
   A mamá pensou que non era moita desgraza. Era peor ter cara ou poutas de orco. Os pés até se podían disimular.
   Cando estivo dentro da casa, a rapariga contou:
   – Non coñecín o meu pai, o Hugo. Marchara loitar contra as hordas de orcos do sul. Porén, si coñecín o meu avó, o Bolbo, un tipo engrazado que fuma en cachimbo polo nariz porque di que, se o fixer pola boca, lle deixaría un alento horríbel.
   »El contoume todo sobre os hobitiños. Acolleume na súa casa, como a súa neta que son. E deume de comer comida de hobitiños, por iso agora teño o pé dereito así. Porén, resolvín que quería voltar e aquí estou.
   A nai deulle unha aperta. Aceptaba súa filla como era, mesmo con aqueles pés como caldeiros de grandes.
   – O que vou facer con estes pés? –preguntou a Cesca.
   O peor dos pés de hobitiño son as sedas que os cobren por riba. E aí quixeron, entre a nai e a filla, depilalos. Probaron con coitelas, con cremas, con máquinas de barbear e até coa máquina de podar do veciño, mais non houbo maneira. A única solución era un incendio controlado, para o cal pediron axuda a un veciño do que todos sospeitaban que era un pirómano.
   O tipo non daba creto a que lle pagasen por provocar un lume, embora fose tan pequeniño. Porén, grazas a iso conseguiron depilar os pés da Cesca.
   – E agora que será da miña vida con estes pés, mamá?
   A pregunta ficou no ar, sen resposta.Imaxinade unha rapariga con pés como os zapatos dun mergullador. Até para camiñar tiña de facer uns esforzos sobrehumanos. Que futuro lle agardaba?
   Mais como isto é un conto e esta estoria ten de acabar ben, heivos dicir que a fin é moi boa. A Cesca foi fichada por unha equipa de hóquei sobre xeo coma gar-darredes. Con eses pés que ten, non entra a pastilla nin que a disparen cun morteiro. Aínda que non entenda nin papa de hóquei, ela o único que fai é sentar na portaría coma gardarredes e ocupar todo o espazo cos seus pés.
   A súa equipa vai ser a única á que non lle marcaron un gol en toda a liga. Agora só falta que o resto da equipa aprendan a marcar goles eles. En fin, non hai nada perfecto nesta vida.

© Texto: Frantz Ferentz, 2016
© Debuxo: Valadouro

Sem comentários: