quarta-feira, abril 22, 2020

AS CINCO PALABRAS

Miranda naceu na cidade de Gotoba, non hai moitos anos. Aínda que aquela fose unha grande cidade moderna, gardaba segredos en cada un dos seus recunchos. Calquera turista podería notar algo inusual no ambiente só con observar un chisco, mais a inmensa maioría deles preferían comer chocolate quente con queixo fundido.
E é que en Gotoba moraba un ser desapiedado que todos coñecían como o bruxo Benahué. Ninguén o vira nunca, mais habitaba na cidade, percorríaa sen ser notado e o único que lle gustaba facer era lanzar feitizos sobre os recén-nacidos, pois non quería que ninguén tivese máis talento ca el.
Foi así como, cando naceu Miranda, o bruxo Benahué deuse conta que a nena era capaz de contar as mellores historias do mundo. Cando crecese, sería capaz de entreter miles de persoas que a escoitarían —ou lerían— pampos, pois tiña a capacidade de agasallar fantasía con cada sílaba e seica perderían o interese nas lendas que del, de Benuhé, contábanse.
Por tanto, Benahué lanzou unha maldición sobre Miranda ao pouco de nacer:
— Que nunca poidas pronunciar máis de cinco palabras diarias seguidas nin tampouco escribilas.
Aquela maldición foi terríbel, porque Miranda xa non puido contar historias, e estas, xa desde moi ao principio, brotaban na súa cabeza. Ela quería narralas, partillalas coas persoas, mais non podía, pois apenas empezaba:
— Era unha vez unha princesa...
Paraba. Si, irremediabelmente. E até o día seguinte non era capaz de volver falar. Por iso, afíxose a se expresar con monosílabos e pouco máis. Sempre dicía cousas como: “si”, "non", "ola", "abur", "voume", "déitome", "teño fame", "ao baño", "obrigada", mais nin sequera "por favor", porque xa gastaba o seu cadal de palabras do día se o engadía.
Como na escola foille moi mal debido a aquela maldición, dedicouse a algo que se lle daba ben: a repostaría. Resultou que Miranda era unha reposteria de primeira, capaz de facer os doces máis deliciosos da cidade e as tartas máis artísticas. Con estas últimas tentaba, dalgún xeito, representar algunha das historias que a diario acudían á súa mente e que non podía narrar, nin tampouco escribir.
E así decorreron moitos anos na vida de Miranda, que só podía deixar entrever a súa capacidade creativa nas tortas que preparaba a diario, auténticos palcos que xurdían na súa cabeza e que logo a xente comía con deleite.
Até aquel día.
Foi mesmo cando Iolanda entrou pola porta do seu obradoiro de pastelaría.


***


Iolanda chegara había poucas semanas a Gotoba. Viña de moi lonxe, doutro continente, e aínda non coñecía ninguén na cidade. Atopara por acaso o obradoiro onde traballa Miranda e entrara atraída polo delicioso cheiro que saía del.
Miranda pasaba a madrugada a preparar os seus doces e tortas para logo se dedicar a atender os clientes. De feito, moitos crían que era muda, porque nin daba os prezos, só os sinalaba na caixa registradora.
Iolanda encaprichouse cuns bocadiños de requeixo. Recordábanlle os quarkbällchen do seu país natal. Estaban deliciosos.
Grazas a iso, ía polo obradoiro de Miranda todos os días. Aos poucos foi descubrindo as marabillas que preparaba. Empezou comprando pequenas tortas. Nun espazo reducido reproducía batallas de dragóns e cabaleiros, onde os segundos parecían levar todas as de perder.
Un día, Iolanda sentiu curiosidade acerca daquela moza tan silenciosa, que sempre ollaba para ela con ollos moi abertos cando lle cobraba. Pensou que talvez poderían ser amigas.
— Gustaríache que nos vexamos para xantar esta fin de semana? Despois de fechares o obradoiro no domingo de mañá?
Iolanda só vivía por e para o seu obradoiro, mais había algo en Miranda que lle facía confiar, talvez fose o seu sorriso.
— Si —dixo cun grande sorriso.
Aquela mesma fin de semana, ambas combinaron na casa de Iolanda. A Miranda lle marabillaba a cantidade de obxectos estraños que a súa nova amiga tiña, obxectos doutro continente que nunca vira.
Iolanda preparou un prato da súa terra. Chamábase gulasch, acompañado de bolóns de pataca. A Miranda encantoulle.
— A cada vez que te emocionas, os teus ollos ilumínanse. Parece que puideses falar só coa ollada —dixo entón Iolanda.
Miranda quedouse mirando á súa amiga. Como nese día non dixera máis que “ola”, aínda podía dicir catro palabras con que tentaría explicar a súa situación:
— Eu enfeitizada non falar.
Logo pensou que se cadra podería usar as súas cinco palabras por escrito. Procurou polo salón da casa de Iolanda unha folla de papel e un lapis. Atopounos e escribiu:
"Cinco palabras día falado escrito".
Iolanda fitou para aquelas letras nervosas que escribira Miranda. Logo ergueu a ollada e atopouse cos ollos da súa amiga que estaban a desexr contar algo, mais soubo que xa non podería dicir nin escribir máis nada. No entanto, sabía o que ocorría: Miranda estaba enfeitizada e só podía dicir cinco palabras por día, máis outras cinco que podía escribir.
Habería algún xeito de axudarlle?


***


Durante as seguintes semanas, Iolanda e Miranda ficaron íntimas amigas. Iolanda continuaba a frecuentar o obradoiro de Miranda a diario e, cando a segunda tiña tempo libre, reuníanse para estaren xuntas. Miranda nunca había ter unha amiga, por iso a súa habitual expresión de tristeza mudou por outra de felicidade que facía que os seus ollos brillasen aínda máis.
Iolanda fora aprendendo a ler eses ollos. De feito, case nin facía falta que Miranda dixese nada.
— Estasme a contar unha historia? Unha dun pelícano que decide aprenderlles aos seus irmáns pelícanos a limpar a praia chea de plásticos? —preguntou un día Iolanda a Miranda mentres lle miraba aos ollos.
Miranda só asentiu coa cabeza. Axiña, Iolanda agarrou un lapis e comezou a escribir o que vía nos ollos de Miranda. Escribía e miraba aos seus ollos, escribía e miraba aos seus ollos. Ao cabo dunha hora, Miranda deixou caer unha bágoa e Iolanda dixo:
— Escribín a túa historia. Queres ouvila?
Miranda asentiu e Iolanda leu.
Que emoción foi para Miranda darse conta de que a súa amiga podía finalmente transmitir aquelas ducias de historias que lle viñan á cabeza. Era a única persoa que podía ler os seus ollos.
Durante as seguintes semanas, Miranda narrou e narrou historias a Iolanda, a cal escribíaas sen descanso. Até pasaban noites en branco. Se cadra, porque xa as historias saían da cabeza de Miranda, esta deixou de facer aquelas tortas incríbeis. Non é que os seus pasteis e os seus doces perdesen calidade, en absoluto, senón que xa non tiña aquela necesidade imperiosa de facer tortas que fosen o palco das súas historias. Algo na súa vida mudara.
Un día, Iolanda dixo á súa amiga:
— Sabes? Estiven a pensar moito e creo que esa maldición que che botaron pode ser anulada.
Miranda fitou para ela:
— Pensei que, se con cinco palabras es capaz de contar o máis importante, o feitizo romperá, porque non che impedirá dicir aquilo que é máis profundo en ti.
A Miranda aquelas palabras déronlle que pensar. Si, e moito. Iolanda tiña moita razón. Durante días, semanas, quixo entender cales eran aquelas cinco palabras. Seica podía contar unha historia en cinco palabras?
Recordou que había xente que escribía historias con poquísimas palabras. Correu á biblioteca municipal e preguntou por libros de microhistorias. Mostráronlle varios. Efectivamente, alá había xente que era quen de contar historias con poquísimas palabras.
Leu a primeira historia que atopou:
De súpeto a lúa bocexou. Só entón, os humanos puxéronse a criticar cantas caries tiña.
Demasiadas palabras: quince.
Logo leu outra:
Cando descubriu que os seus puntos negros eran portas dimensionais, deixou de extraelos.
Aquel tiña menos, trece, pero eran aínda máis do dobro.
Levou o libro á casa, precisaba inspirarse. Durante varios días estivo bastante distraída cos seus doces, por iso unha mañá vendeu unha bóla de tenis rechea de nata e ao outro confundiu deterxente con lévedo, o cal fixo que os seus doces recheos estivesen limpísimos, mais tiñan un sabor horríbel.
Ata que ao final conseguiuno. Escribiu unha historia con cinco palabras, só cinco:
Súa vida eran cinco SMS.
Conseguiuno. E enseguida quixo gritar:
— Por fin fun capaz...
E aí interrompeuse. Non foi quen de pronunciar todo canto quería.


***


Con ollos chorosos, Miranda fixo saber a Iolanda do seu fracaso. Iolanda ficou pensativa un instante, mais de seguida creu entender cal era a falla:
— Non se trataba de contares unha historia inventada en cinco palabras, senón de expresares o máis profundo que hai en ti en cinco palabras.
Miranda ficou a ollar para a súa amiga. Ela era o mellor que lle acontecera. Nunca ninguén se ocupara dela así nin lle abrira as portas do alma daquel xeito, de modo que de súpeto entendeu a que se refería Iolanda.
— Quéroche moito ben, miña amiga.
Aquelas foron as súas cinco palabras máis importantes. E a seguir, Miranda moveu os beizos de novo:
— Podo falar... Si, podo falar canto queira. ¡O encantamento rompeu!
Miranda e Iolanda abrazáronse e deixaron que as envurullase o luar que entraba pola xanela.

© Frantz Ferentz, 2020
© Ilustración: Chimae Hilal

Sem comentários: