segunda-feira, dezembro 30, 2024

A MASCOTA

 


A profesora Calamita anunciou á turma:

— Meninos, na segunda-feira é o día do animal de compañía. Podedes traer o voso para o mostrardes ao resto dos compañeiros.

— Vivaaaaaa!

— Profe, eu teño un hipopótamo como animal de compañía. Podo traelo?

— Non Vilipendio, non podes. Éche grande de máis e se traes o teu hipopótamo, nós non entramos na sala de aula.

— E eu podo traer o meu gato de peluche?

— Podes, Carpeto.

— E eu podo vir co meu velocirraptor imaxinario?

— Podes, Caramica, podes.

Todos estaban ansiosos pola chegada da segunda-feira. Todos querían mostrar ao resto dos compañeiros as mascotas que tiñan na casa, todos, mais mormente a Eduína.

Ela era unha crianza moi ignorada polos compañeiros da turma. Non a deixaban participar nas actividades e rían moito dela porque tiña un ollo de cada cor — iso é fenómeno chamado heterocromía que ten moita xente, algúns son até famosos, e non é problema ningún, mais aos colegas da Eduína causaba moito riso. En fin, como acontece tantas veces, ela era considerada parviña e ficaba sempre soa, a coitada.

Mais nese día a Eduína viu unha ocasión de ouro para os seus compañeiros descubriren que ela tiña tamén os seus talentos. Si, quería presentar a súa mascota ao resto da rapazada.

Finalmente chegou a segunda-feira. Nunca o primeiro día da escola foi tan desexado como naquela altura. 

Para a ocasión, toda a turma deslocouse para o ximnasio, onde había moito máis espazo.

Carcamel trouxo o seu gato bóla de pelo, que tiña unha peluxe impresionante que o facía parecer tres veces meirande do que era.

Eufobia trouxo a súa pitón amarela dentro dunha urna, para non escapar; era ben bonita, por iso, facía poses, co gallo de arrancar aplausos da xente que a vía como se fose unha diva.

Parolo trouxo o seu peixe voador nunha peixeira onde o bicho saltaba fóra da auga, voaba un cacho e despois volvía á peixeira, porque estaba ben adestrado.

Cabalguina trouxo o seu caranguexo danzariño, que pasaba o tempo a marcar o ritmo batendo nas pinzas como un cantador flamenco.

Capriola trouxo o seu can da augas dentro dunha bañeira con rodas, porque o bicho non saía case nunca da auga.

Carloparvo trouxo un cocho vietnamita que era moi limpo e pasaba o tempo a varrer no chan, o cal tamén fixo no ximnasio.

Todos os estudantes foron traendo os seus animais de compañía, até só ficarem dous.

Chegou a quenda a Carapataca. Non era ese o seu verdadeiro nome, mais era chamado así por todos, porque a súa cara parecía na verdade unha pataca fritida. Mais non vos enganedes, era o abusador da turma. Todos o temían. Puña medo até ás arañeiras da sala de aula, pois as arañas retirábanas cando el se lles achegaba. E claro, alguén da súa caste só podía ter unha mascota digna del: unha cascuda. Mais non era unha cascuda calquera, era unha cascuda enorme, fea, pestilente, cuxos ollos eran ben visíbeis e até parecía que estaba a rir de toda a xente que a enxergaba. Realmente puña medo, tanto que todos os colegas da turma deron uns pasos para tras cando o Carapataca mostrou a súa enorme cascuda na man.

Mais faltaba alguén para mostrar a súa mascota. Esa era Eduína. Entrou no ximnasio cun pote e nel había unha planta.

— Eduína —avisoulle a profesora—, dixemos que hoxe é o día das mascotas. Como é que traes unha planta?

— Porque ela é a miña mascota —explicou toda calma a meniña.

A profesora Calamita comprendeu que non estaba escrito en ningures —ou polo menos ela non o mencionara— que as mascotas han de ser animais. Outra cousa é que se fale de animais de compañía, mais cando se fala de mascotas, na palabra non fica especificado que se trate de animais, por tanto, a Eduína tiña razón e podía vir coa súa planta.

Mais como era de esperar, o Carapataca non deixou pasar a ocasión para atacar a Eduína e tentou arrastrar a turma con el.

— Olla que bichiño tan feo trouxo a Eduína que nin ten pés, ha, ha, ha, ha, ha!!

ZAS!

Foi visto e non visto. A planta da Eduína estricou unha folla, apañou a cascuda do Carapataca da súa man, fechou as súas dúas metades e capturou o insecto.

Cando o Carapataca quixo reaxir, o seu animal de compañía estaba capturado entre dúas metades de folla que ían comezar a dixerilo pouco a pouco. Mais tampouco ousou meter os dedos alí porque as follas remataban nuns dentes que puñan medo.

— A túa planta comeu a miña cascuda! —berrou o neno á Eduína.

— E logo, que esperabas? É unha planta carnívora.

Ante esa observación, todos os estudantes deron uns pasos para tras. A Eduína notouno e veulle vontade de rir. Debía explicarlles que esas plantas son chamadas carnívoras, mais que de facto son insectívoras, porén, se cadra, era mellor omitir ese detalle.

A Eduína alzou o pote da planta diante dos narices do Carapataca e díxolle:

— Queres que che mostre todo o que come a miña planta?

O rapaz, como case todos os abusadores, era un ignorante e aínda creu que a planta podía trabarlle o nariz. Nese caso, como lle chamarían os compañeiros da turma: Desnarigado?

O Carapataca sentiu medo. Si, aquela moza era moi perigosa. O seu terro foi percibido polo resto da rapazada da turma. Foi coma unha liberación para eles, que xa non deberían facer todo canto el quería por medo.

— Chámase Sara —dixo Eduína.

— Quen? —preguntou o Carapataca a tremer.

— A miña planta... Olla, precisamente xa rematou a dixestión da túa cascuda e parece que ficou con fame. Tes por aí outro bicho?

O Carapataca afastouse. De facto saíu do ximnasio para chorar sen ser visto.

— Aínda ben que eu trouxen sobremesa para a Sara —comentou a Eduína.

Abriu unha bolsiña e deixou saír tres moscas que pousaron en dúas follas abertas da Sara. E aí ficaron para sempre, ante o ollar pasmado do resto da turma que nin remotamente ía rir daquela nena dona dunha planta comexente, ou polo menos iso crían eles.


© Frantz Ferentz, 2024


Sem comentários: