quarta-feira, dezembro 25, 2024

LORENA E O LOBO

 

Lorena era unha moza que, cando finou súa mai, tivo que abandonar a cidade onde moraba con ela, abandonar a escola, abandonar os amigos e abandonar todo canto coñecía. Foi ben triste para ela.

Foi morar co seu avó, un coronel retirado de mostachos moi grandes, que medraban para riba nos extremos e un carácter moi forte. O coronel moraba nunha casa enorme, que talvez noutra altura estivese chea de serventes, mais agora mal vivía el e co seu gato.

Cando Lorena chegou, o coronel faloulle:

CORONEL: Estás aquí porque un xuíz me obrigou a te aceptar so o meu teito. De todos os xeitos, xa que vas morar aquí, será bo que axudes nas tarefas da casa...

A seguir, o coronel deulle unha capa-mandil moi grande, de cor vermella, con carapucha.

CORONEL: Toma, pon isto. Así non lixarás a roupa.

Lorena obedeceu. O seu avó púñalle medo. Quen se ía opor ás ordes daquel home de mostachos prominentes.

Mais a cousa non rematou aí. Acontecía que tamén o seu pai, quen non vira desde había moitos anos, tamén moraba por alí, nunha casiña na metade do bosque.

CORONEL: Entre as túas xeiras está levar un cesto de comida á casa do teu pai, o meu fillo, un folgazán que prefire que lle pruian as dedas antes de se erguer para rañar nelas. Mais o xuíz tamén me obrigou a mantelo. Antes ía para aló unha persoa que contratara para iso, mais agora que estás aquí, vou aforrar ese diñeiro, por tanto, terás que ir á casa de teu pai todos os días para lle levar a comida e lle arrumar todo, e iso inclúe lavar a súa roupa unha vez por semana.

LORENA: Si, avó.

CORONEL: Meu coronel, cando te dirixas a min, di: «meu coronel».

E a seguir estricou a punta dos mostachos, unha por unha.

Foi así como Lorena comezou unha nova vida, moi cincenta e atristallada, en que tiña como único empeño ocuparse da casa do avó coronel e do pai.

O primeiro encontro co pai non foi como ela esperaba. Da que entrou pola porta da casiña, co cestiño na man, ela saudou entusiasmada:

LORENA: Bo día, pai, estou aquí. Alédaste de me ver?

Mais o pai, que estaba ás escuras no interior da casiña, fixo un xesto coa man para a Lorena calar. Eran as dúas da tarde e el aínda estaba a durmir. Eran horas moi temperás para el. Limitouse a dicir:

PAI: Nena, deixa a cesta aí na mesa e vaite. Aínda teño moito para durmir...

A coitada da Lorena ficou sorpresa. O seu pai non mostraba a menor emoción de a ver despois de tantos anos. Ficou moi triste, moito.


§ § §


E así, botou a camiñar de regreso á casa do coronel, onde a esperaba unha manchea de roupa para ser lavada. Camiñaba e camiñaba coa vista posta no chan, a paso lento, cando, de repente, sentiu unha voz.

LOBO: Ola, Carapuchiña.

Lorena ergueu a vista e viu perante ela un lobo. Reparou en que era un animal ben bonito, mais tivo medo, porque todos os nenos e as nenas teñen medo dos lobos, xa que en todos os contos son animais que comen crianzas. Mais había algo verdadeiramente estraño naquel animal. Tiña tatuaxes. Na pata dianteira esquerda tiña unha guitarra tatuada, e na pata dianteira dereita tiña un cacho de melancía.

Cando xa coñeceu mellor o lobo, soubo que a guitarra representaba a súa paixón pola música e a melancía era porque esa froita ser a súa preferida.

Aínda que estivese morta de medo, Lorena dixo:

LORENA: Non me chamo Carapuchiña, chámome Lorena.

LOBO: É que vestes coma a Carapuchiña e levas unha cesta. Confundinte con ela, logo.

LORENA: Lobo, por favor, non me comas!

LOBO: Comerte? Por que ía comerte?

LORENA: Seica non estás agora con fame?

LOBO: Non, almorcei unha boa melancía. 

LORENA: Comes froita?

LOBO: Claro, son vengano, non me alimento de carne.

Lorena suspirou aliviada. Non coñecía moita xente vegana, mais lobos, ningúns. Aquel era o primeiro.

LOBO: De todos os xeitos, aínda que non sexas Carapuchiña Vermella, ademais de vestires coma ela, ías para o bosque levar unha cesta de comida. A quen? A túa avoíña?

LORENA: Non, a meu pai, que é o galbanoso máis galbanoso do mundo e ten de ser mantido polo meu avó, o coronel, que é seu pai.

LOBO: E logo?

LORENA: Aínda que sexa tan preguizoso, éche moi intelixente e convenceu o xuíz que tiña unha discapacidade que lle impide mesmo cortar as unllas. E así obrigou o coronel a mantelo.

LOBO: Lamento que teñas unha familia así, porque receo que o coronel é tamén un tipo tremendo.

LORENA: É. Trátame coma se eu fose unha recruta. Obrígame a tratalo por coronel, non por avó.

LOBO: En fin, que sexa leve. Xa nos veremos por aquí. Eu paso moito tempo no bosque para procurar inspiracións para as miñas cancións.

LORENA: Entón, até a próxima. E tentarei conseguirche unhas ameixas da horta do meu avó.

LOBO: Que gustosas. Aburiño, logo.

Lorena regresou á casa do avó, mais non contou nada do seu encontro co lobo. Sabía o que lle diría o avó.

CORONEL: Non te xuntes con feras perigosas.

Mais agora Lorena sabía que o lobo non era perigoso. Até ía acontecer que el sería o seu primeiro amigo naquela terra onde todos a trataban con tanto desprezo. Si, sería o seu amigo e, por riba, o seu amigo secreto.


§ § §


A seguinte vez que Lorena atopou o lobo, este levaba a súa guitarra. Estaba a tocar unha canción que Lorena descoñecía.

LORENA: Ola, lobo. Que fas?

LOBO: Cantaba unha antiga canción que me presta moito.

LORENA: Ah, si? E cal é?

LOBO: Coñeces a cantiga d’A Muralla?

LORENA. Non. Como é?

O lobo colleu a súa guitarra e cantou unha parte do retrouso

LOBO: —Tun, tun!

—Quen é?

—Unha rosa e un caravel...

—Abre a muralla!

—Tun, tun!

—Quen é?

—O sabre do coronel...

—Fecha a muralla!

LORENA: Non coñecía, mais préstame moito. Sabes? O meu avó ten un sabre inmenso pendurado na parede. Por veces despendúrao, acaríñao e fálalle como se fose o seu gato.

LOBO: E que fai co seu gato? Úsao coma un sabre para atacar?

LORENA: Non, porque o gato non lle dá nunca ouvidos. Pasa o día deitado no sofá a roncar e á noite sae cazar ratos. Mais sabes que é o peor do bicho?

LOBO: Non.

LORENA: Que quere que o trata por sarxento...

O lobo non puido evitar botar unha risada.

Outro día, contoulle un chiste. Precisamente Lorena non ría a miúdo, por iso, aquela ocorrencia fíxolle rir todo o día cada vez que a lembraba.

LOBO: Isto foi unha vez un rapaz que traballaba nun museo de Historia Natural. Tiña que explicar aos visitantes o que vían. E en chegando a unha pías de ósos de dinosauros, díxolles: «Estes restos que ven aquí, teñen sesenta e cinco millóns de anos e seis meses». «Como así ‘e seis meses’? Como pode saber con tanta precisión?». E o rapaz respondeu: «Porque cando vin traballar aquí dixéronme que tiña sesenta e cinco millóns de anos, e hai xa seis meses que traballo aquí, daquela a súa idade ten de ser sesenta e cinco millóns de anos e seis meses».

Lorena ría como nunca. Era tan bo pasar o tempo co lobo.

LORENA: A propósito, aínda non me dixeches como te chamas.

LOBO: Chámome Gustav, mais todos me chaman Gus.


§ § §


Chegou a ouvidos do coronel que a súa neta se vía cun lobo bohemio. Ambos deles coincidían no bosque cando a neta ía levar a cestiña de comida ao seu pai. 

O coronel non gustaba desas compañias. Por tal, moi bravo, chamou a menina á súa presenza:

CORONEL: Lorena, anda aquí.

O ton do avó non facía agoirar nada de bo. A meniña estaba inqueda de máis.

LORENA: Si, meu coronel?

CORONEL: Vin saber que te ves cun lobo no bosque.

Lorena enguliu cuspe. Xa temeu por onde iría a conversa.

LORENA: Éche un lobo vegano, non me vai comer e chámase Gus.

CORONEL: Mais estás a ouvir o que andas a dicir? Prohíboche ires con descoñecidos. Son un risco, nin sabes o que podes facer contigo. Es aínda moi nova para saber o que queres.

LORENA: Eu ben sei o que quero! El é adorábel, apréndeme cancións e cóntame chistes!

CORONEL: Non repliques ao teu coronel, recruta. Deica uns días farás dezaoito anos e irás á academia militar e verás como alí aprendes a te comportar!

LORENA: Eu non quero ir á academia militar!

CORONEL: Farás o que eu che dixer e chega! Ademais, non verás nunca máis ese lobo farrapento, fedorento e suorento. E agora, vai lavar a louza!

Mais Lorena non estaba pronta a seguir as ordes do coronel, é dicir, do seu avó. Ela non ía perder o único amigo que tiña por alí. E foi así como, no día seguinte, a procurar as zonas de vexetación máis mesta no bosque, contou ao seu amigo Gus toda a conversa co seu avó.


§ § §


LOBO: O teu avó non quere que vivas a túa vida. Non ten dereito. Non pensaches en pedir axuda a teu pai?

LORENA: A meu pai? Ese só quere ter cervexa fresca ao lado da cama e ver a televisión. Só me quere para iso. Non quere saber nada da miña felicidade. Foi por ese motivo que miña mai marchou do seu lado. Era profundamente infeliz.

LOBO: Entendo. Mais eu son o teu amigo e non te vou abandonar nestas circunstancias.

LORENA: De veras?

LOBO: Pois claro. Verás, des que te vin con ese carapucho vermello non fago máis ca dar voltas a algo. Como se chamaba túa mai?

LORENA: Cristina.

LOBO: Ben, mais todos por aquí coñecíana como Carapuchiña Vermella.

LORENA: Agora que o dis, comentoume un día o gato que este mandil na realidade era a capa que levaba sempre a miña mai, que eu me vía tan ridícula coma ela.

LOBO: Entón iso confirma as miñas sospeitas. Es a filla da Carapuchiña Vermella, que sequera sabía que se chamaba Cristina.

LORENA: Non sabía. Miña mai nunca non me falou da súa vida aquí. Mais o que ouvín da historia da Carapuchiña Vermella é que un lobo comeu a miña avoa.

LOBO: Esa era a túa avoa materna, mais o conto é todo mentira.

LORENA: E logo? Como sabes?

LOBO: Porque aquel lobo de que falan na historia era meu pai... E tamén el, coma min, era vegano.

Lorena ficou calada. Cantas sorpresas. Mais o peor era que se vía nun labirinto sen saída, que o coronel ía imporlle o que ela máis detestaba.

LOBO: Sabes que? Coido que te podo axudar. Déixame falar co meu curmán, que é advogado. Vémonos en breve.

E fóronse ambos por cadanseu lado.


§ § §


Unha semana máis tarde, Lorena estaba no tribunal na cidade perante un xuíz. Por tras dela, no escano, sentaban o seu avó e o seu pai. O pai non veu a pé, só faltaría. Obrigou o avó a lle mandar un todoterreo que recollese na cabana para o depositar no xulgado.

O advogado curmán de Gus, chamado Aladín, como o personaxe do conto, viu que alí había un caso ben claro.

ADVOGADO: Señor xuíz, a miña representada, dona Lorena, é a filla da auténtica propietaria da casa onde mora o seu pai. Ele ocupouna ilegalmente cando dona Cristina marchou de aquí, mais el non é o propietario da habitación, é dona Lorena. E teño aquí toda a documentación que o demostra.

O xuíz contemplou a documentación, e tamén o avó e mais o pai da Lorena. Todo estaba correcto. Por iso, os protestos do coronel non tiveron eco. O pai nin protestou, porque iso implicaba organizar un discurso e iso era unha traballeira. Só se limitou a pregunta ao xuíz que sería del.

XUÍZ: Hai unha sentenza firme de que seu pai, o coronel, ten que o manter, mais non di onde. Daquela, irá vivir co seu pai e mais o seu gato, porque a casa do seu proxenitor é ben grande.

O pai da Lorena ficou contente, o avó, certamente, non, mais non podían facer nada.

Cando saíron do palacio da xustiza, Lorena abrazou o seu amigo Gus e deulle un bico.

LORENA: Obrigada, Gus. Sen ti, hoxe estaría a entrar na academia militar. A xente non pode imaxinar a grande persoa que es.

LOBO: Non son unha persoa, son un lobo. Auuuuuuuuuuuuuuu!

LORENA: Ven a miña casa. Convídoche a merendar. E, ademais, teño unhas ideas para as letras dalgunha nova canción.

E xuntos, tomados da man, Lorena e Gus marcharon para o corazón da fraga.

© Frantz Ferentz, 2024


Sem comentários: