domingo, dezembro 05, 2010

Alento de dragón [+10 anos].- XFC


    Nunca na vida tería sospeitado a Lorena que nun certo día se erguería e, en abrindo a boca, lanzaría lapas pola boca.
    Quen lle ía dicir a aquela rapariga de trenzas louras que se convertería nunha dragoa con aparencia humana.
    Mais era así. De repente, cando lle viñan gañas de arrotar, aventaba lume pola boca, igual ca un dragón.
    Desde o inicio xa se viu que aquilo non ía ser bo.
    Ademais de encher as paredes de nódoas pretas, corrían o risco naquel lar de saír queimados.
    Aos poucos, a nai da Lorena foi mudando todo o que era susceptíbel de aburar.
    As cortinas de seda foron substituídas por outras de chumbo, moito menos estéticas, mais polo menos seguras.
    Os cobertores da cama da Lorena foron retirados e no seu lugar usáronse láminas de aluminio.
    Se cadra pensarades que a rapariga pasaría frío así, mais xa estaba todo previsto, porque cando a rapaza arrotaba e saían as lapas pola boca, estas quentaban as láminas de aluminio e mantiñan a calor na cama.
    A Lorena tivo que se avezar a aquela nova habilidade que posuía.
    Porén, tamén lle atopou vantaxes. Por exemplo, cando á porta da escola alguén se puña farruco con ela, isto causaba inmediatamente que os gases estomacais se mobilizasen. A seguir, unha masa incandescente lle subía polo esófago e ao chegar á boca era puro lume.
    E pobre daquel que ameazase, porque, se estaba a pouca distancia, podía acabar como un polo á grella.
    Así transcorreron algunhas semanas na vida da rapariga, que tiña que tentar que, cada vez que lle viña a vontade de arrotar, debía apuntar para espazos abertos, o cal non era doado porque non sempre estaba nun posto.
    Na escola colocárona ao carón dunha xanela, mais, ademais, instalaron unha caste de cheminea pola cal a Lorena había tentar meter a cabeza cando lle viña vontade de arrotar.
    De todos os xeitos, ás veces víñalle o arroto sen aviso previo. Felizmente uns instantes antes soaba un ruído como de tubaxes –na realidade eran as tripas da Lorena–, co cal os compañeiros da sala de aulas escondíanse embaixo das mesas e así o alento de fogo da Lorena podía alcanzar o encerado sen queimar a ninguén, aínda ben.
    Con todo, chegou un momento en que a rapariga quixo volver a ser normal.
    Levárona aos doutores, a moitos deles, mais non atopaban a causa daquel estraño comportamento da rapariga. Aínda que lle daban pílulas para controlar os arrotos, aquilo non servía para nada.
    A nena-dragón, como xa a chamaban, converteuse nun caso clínico de imposíbel solución.
    A Lorena estaba moi triste, ninguén podía axudarlle.
    Imaxinaba que nunca podería bicar un rapaz, porque, se no medio do beixo, lle viña un arroto,  fritiríao completamente.
    Que panorama…
    A Lorena estaba resignada a pasar o resto da súa vida así, soa, afastada do mundo, temida pola xente.
    Mais por sorte para ela, a súa avoa Matilda acudiu na súa axuda.
    A avoa Matilda era unha avoa como poucas. Vivía no medio do monte e era unha muller moi sa, só se alimentaba do que cultivaba no seu horto. Tanto era así que, se nunha mazá aparecían vermes, comíaos igual, porque ela afirmaba que aqueles vermes eran pura proteína.
    A mamá da Lorena concordou en que durante as vacacións a filla fose pasar unha tempada coa avoa.
    Así o risco de incendio no lar diminuiría considerabelmente e poderían ter máis seguranza na casa durante a noite.
    A avoa era unha fanática das verduras.
    A Lorena odiaba as verduras con toda a súa alma.
    Non facía máis que comer repolos, couves, couves de Bruxelas, brócoles, leitugas… comíao en salada, en sopa, en puré, en salada, en sopa, en puré, en salda, en sopa, en puré…
    – Avoa, podo polo menos botarlle ketchup a isto?
    A avoa, en vez de responderlle, botáballe máis do que for.
    Até que un bo día, cando a Lorena foi arrotar, pola súa boca non saíron lapas.
    Saíu un arroto normal, como lle sae a toda a xente.
    – Avoa, xa non boto lume, son unha rapaza normal!
    A avoa, moi contenta, díxolle:
    – Xa imaxinaba eu que o teu problema era polo que comes. Ese tabasco que botas a todo acabou facendo do teu estómago unha especie de volcano. Desde que estás aquí, xa non comiches máis beicon con tabasco, costeletas con tabasco, chourizo con tabasco, touciño con tabasco, biscoitos con tabasco, ovos estrelados con tabasco, caramelos de tabasco…
    – Mais avoa, eu adoro o tabasco!
    – E o tabasco en doses brutais converteute no que te converteu. Óllate agora, estás máis magriña e tes un cutis finísimo.
    Iso era verdade.
    Se cadra, agora podería comezar a pensar en atopar un namorado… mais primeiro, se cadra, debía resolver outro pequeno problema: como desfacerse da cola de dragoa que lle saíra despois dos seus primeiros arrotos con lume. 



© Texto: Xavier Frías Conde, 2010
© Imaxe/imagem: Sara García, 2010

Sem comentários: