quarta-feira, dezembro 29, 2010

Cando Helena desliga o sol [+6 anos].- XFC





Helena ten seis anos e o cabelo sempre recollido nunha trenza.
Un día, Helena comeza a facer unha cousa ben curiosa.
Ponse embaixo do sol, alza a man contra el e comeza a movela como se quitase unha lampadiña.

Helena fai así case todos os días.
Embaixo do sol, move o pulso para a dereita, como se puidese desenroscar o sol.
Élle moi divertido.
Pero, claro, non pasa nada.
Claro, como vai pasar calquera cousa facendo así?

Cada día, Helena pásase máis e máis tempo a xogar ao mesmo xogo:
A desligar o sol.
Tanto é así, que os seus compañeiros da clase lle preguntan cheos de curiosidade:
– Helena, que estás a facer?
E ela respóndelles:
– Estou a desenroscar o sol, como se fose unha lampadiña.
Pero os seus compañeiros da escola pensan que é un xogo aborrecido.

Tamén un día súa nai na casa lle pregunta por que está na terraza coa man alzada contra o sol.
– Porque estou a desenroscar o sol.
– Pero cariño, iso non pode suceder.
– Pode –teima ela.
E a nai deixa Helena tranquila a xogar coas súas cousas.



Até que un bo día, non amañece.
A xente toda está espantada. 
Figurádevos que son as oito, as nove, as dez, as once... e non dá saído o sol.
Que vai acontecer?

Todos están espantados, todos agás Helena.
Helena sabe moi ben por que o sol non está aceso.
Apagárao ela!
Ao final, descubrira como facelo.
E é moi doado, tanto como desenroscar unha lampadiña, pero cómpre ser moi xeitosiña.

A xente corre tola polas rúas.
Os policías piden calma, pero ninguén está calmo.
Os morcegos están contentos, porque todo o día é de noite.
E Helena sorrí, sorrí moito.
Dille á súa nai:
– Mamá, non pasa nada, fun eu que apaguei o sol.

Pero a nai, como ocorre coas persoas maiores, non o acredita.
Pensa que son cousas de neno.
Ademais, ela ten tanto medo como o resto da xente.

Con todo, a Helena non lle presta ver a xente a correr así, tan chea de medo.
E sobre todo, non lle presta ver como os pardais non saltan polo parque.
Nin como os vellos non saen tomar o sol... porque non o hai. 
Que fará súa avoa sen sentar no banco e falar cos seus amigos?

Por tanto, Helena decide saír á terraza.
Alza a man.
Comeza a movela para a esquerda.
Está a enroscar o sol.
E cabo duns segundos, o sol volve lucir.
Volve a luz.

A xente ponse moi leda.
Todo volve á normalidade.
Algúns sabios pensaran que fora un eclipse moi, moi estraño.
Pero non fora un eclipse.
Fora Helena.


Ao outro día, os compañeiros de escola de Helena pregúntanlle:
– Apagaches ti o sol?
– Claro.
E eles acredítano.
Pero os maiores non o acreditan.
Seica Helena deberá outro día volver apagar o sol desenroscándoo.

© Texto: Xavier Frías Conde, 2010

Sem comentários: