terça-feira, fevereiro 15, 2011

O valor do pequeno [+8 anos].- XFC



– Mico, ven, que está aquí doña Crisanta, que quer verte… –dixo a mai.

Mico ficou de pedra. Dona Crisanta, a paisana máis pesada do mundo, a muller máis faladora que era quen de estar de parola sen tema durante máis de tres horas e media.

Mico, todo obediente, foi para o salón. Alí estaba dona Crisanta sentada, a ocupar dous sitios e medio do sofá, co saio de peles –coitados bechos, matalos así, ao fato, para nada…–, cunha copiña de anís entre os dedos enormes, que nin se vía a copiña, cos fociños pintados como se fosen pneumáticos vermellos. 

E claro, o chucho caeulle ao coitado Mico na fazula e deixoulle unha marca colorada que podía ficar alí polos séculos dos séculos, todo unha desgraza.

– Que tal, Mico, algunha novidade? –inquiriu dona Crisanta.

Mico ía mexer a cabeza á dereita e á esquerda para negar, mais o pai adiantóuselle e dixo:

– Pois é, mercamos un cadeliño ben lindo, un chihuahua. Anda vai por el, Mico.

Nico non tiña vontade de ir buscalo, mais foi. Tróuxoo e mostroullo a dona Crisanta.

Mais dona Crisanta debía ter un día de cans –precisamente–, porque puxo cara de noxo e berrou:

– Oi, que cousa tan pequena! Se até parece unha ratiña!

A Mico aquilo non lle prestou. O seu canciño era ben lindo. Como podía aquela señora largar tantas baballadas todas xuntas?

Mais o chihuahua pareceu comprender as palabras da paisana. Por iso, saltou desde as mans do Mico e escoou por unha orella de dona Crisanta. Entroulle até o cérebro, mentres dona Crisanta ría porque o can lle facía cóxegas. E entre tantos risos, o chihuahua saíu da cabeza pola outra orella, tan contento, para volver a saltar ás mans do Mico.

Dona Cristanta seguiu a sorrir. Estaba estrañamente leda. Ergueu a súa mole de corpo e marchou para a súa casa sen se despedir.

Desde aquel día, sóubose que dona Crisanta abandonou o seu costume de ir de casa en casa incomodando o persoal e decidiu dedicarse a domear morsas no acuario do zoo. E todo iso grazas a un estraño paseo do chihuhua do Mico polo cérebro daquela muller. Por iso, cada vez que vén unha visita, teñen que agarrar o chihuahua para que non escoe polas orellas das visitas, mais, quen sabe… 


© Texto: Xavier Frías Conde, 2011




Sem comentários: