«Érase unha vez un can que se pasaba as noites a ladrar.
» Tanto ladrido non facía outro que incomodar os veciños.
» Falaron co propietario do can para facelo calar, mais non había xeito.
» O can seguía e seguía a ladrar todas as noites, tamén nas fins de semana.
» Ninguén no barrio conseguía facelo calar.
» A xente, desesperada, quixo unha noite asaltar a casa do amo do can e taparlle o fociño ao animal.
» Mais entón chegou dona Margarida Fernández de Andrade López da Ribeira, que era experta en cans, díxolles a todos os veciños alporizados:
» – O que este can precisa é que lle demostren que o queren.
» E desde ese momento, todos os veciños, en quendas de dous, dedicáronse a acariñar o can un anaco antes de iren durmir, de maneira que o can non volveu a ladrar máis de noite.»
Dona Leticia Filomena da Rúa, mestra de profesión e amante dos contos, quedou toda satisfeita con aquela historia que viña de compor.
Decidiu que a daría a ler aos seus estudantes aquela mesma mañá para despois eles escribiren unha composición sobre ela e, se cadraba, crearen unha obra de teatro baseada no seu magnífico conto, porque, segundo ela, era magnífico.
Sempre daba os seus propios materiais aos estudantes.
Para iso, despois de os compor, quitaba pola impresora tantas copias cantos estudantes tiña.
E levaba o paquetiño para a sala de aula.
Aquel día non foi unha excepción.
Deixou o computador aberto no seu estudio e foi tomar o café na cociña.
O recendo do café chegáballe desde o outro extremo da casa, de maneira que non ía poder negarse a ir tomalo… Adoraba o café!
Desde a cociña sentiu o fillo, Luís Alfredo, a argallar por algures na casa.
– Luis Alfredo, estás xa preparado? –chamou a nai polo fillo coa cunca de café entre as mans.
– Un momento, que ando aquí a preparar unhas cousas para a escola.
Que fillo tan curriño tiña dona Leticia Filomena da Rúa.
Cando acabou de tomar o café, volveu ao seu estudio.
Sen máis, premeu a tecla de imprimir.
Vinte e dúas copias, tantas como estudantes tiña e mais unha para si.
A impresora comezou a cuspir as copias.
Cando estiveron todas preparadas, dona Leticia Filomena da Rúa meteu as copias no cartafol, recolleu o fillo e todos –nai, fillo e as vinte e dúas copias– encamiñáronse para a escola ben cedo.
Dona Leticia Filomena repartiu o conto entre os seus estudantes.
No inicio, todos leron con pouco interese.
Cómpre dicir que as historias da mestra lles eran algo tediosas, aborrecían con elas, sempre eran tan boíños todos…
Porén, en chegando ao final, comezaron a sentirse gargalladas pola sala de aulas.
Dona Leticia Filomena non se esperaba aquilo.
Aquela súa historia estaba a ter un éxito inesperado.
Estaba emocionado, aínda que non entendía moi ben por que, dado que ela escribira como sempre facía e, por norma, non acostumaba incluír cuestións de humor nos seus escritos.
Porén, todo quedou esclarecido cando releu a súa historia. O inicio e o medio eran iguais, mais o final, non…
«Érase unha vez un can que se pasaba as noites a ladrar.
» Tanto ladrido non facía outro que incomodar os veciños.
» Falaron co propietario do can para facelo calar, mais non había xeito.
» O can seguía e seguía a ladrar todas as noites, tamén nas fins de semana.
» Ninguén no barrio conseguía facelo calar.
» A xente, desesperada, quixo unha noite asaltar a casa do amo do can e taparlle o fociño ao animal.
» Mais entón chegou o veciño rockeiro do cuarto andar, que era experto en sons a todo volume, díxolles a todos os veciños alporizados:
» – O que este can precisa é que lle aprendan a ladrar rock.
» E desde ese momento, o veciño rockeiro dedicouse a lle aprender ao can a ladrar acompañado da guitarra eléctrica. E como os ensaios eran tan duros de día, de noite durmía como un santiño.
» Iso si, o can acabou publicando un disco de ladrorrock con moito suceso entre cans e donos de cans.»
Dona Leticia Filomena non daba creto.
Ela non escribira aquel final do conto!
Aquel estraño evento precisaba dunha pescuda.
Por iso, cando volveu á casa, comezou a pescudar o que acontecera.
Repasou mentalmente todo o que acontecera desde que acabara de escribir o conto até que o imprimiu.
Era un lapso de só dez minutos, incluído o tempo que estivera na cociña a tomar café.
Rañou a cabeza até case lle saír fume.
A ver, quen estaba na casa, ademais dela, durante aquel momento?
Claro, o fillo, o Luis Alfredo!
Debía ter sido el, quen se non? Non entrara máis ninguén na casa, a menos que se tratase dunha pantasma, cousa que sabía que podía acontecer, porque os espíritos son mesmo capaces de escribir ao computador.
Mais non, o máis probábel é que se tratase do Luis Alfredo.
Atopou o fillo a facer os deberes no seu cuarto, mentres comía unha sande de queixo con marmelo e ouvía música cos audífonos.
– Luis Alfredo –comezou a dicir a nai–, quero que me digas a verdade: fuches ti quen mudou o final do meu conto?
Mais Luis Alfredo só cantuxaba algo en inglés, ou algo parecido ao inglés, que era o que escoitaba polos audífonos.
A nai houbo retirarlle os audífonos e repetirlle a pregunta.
E Luis Alfredo, sen se inmutar, respondeu:
– Claro, mamá, porque es moi antiga ti con iso dos contos. Tes boas ideas, mais non sabes como as acabar. Os teus estudantes están fartiños, que o sei eu. Por iso, para che axudar, hoxe quixen darche unha man. E dime logo, resultou?
Claro que resultara.
Dona Leticia Filomena tivo vontade de castigar o fillo, mais comprendeu axiña que grazas a el triunfara na escola.
Como era unha boa mestra, houbo recoñecer que se traballaba mellor entre dous.
Por iso, desde aquel día, dona Leticia Filomena marchaba dez minutos a tomar o café á cociña e, entrementres, o fillo escoaba no estudio dela e, despois de ler o conto iniciado, púñalle el o final que lle cadrase sentado diante do computador.
E colorín colorado, este conto non está acabado, porque disque houbo acusacións de plaxio da parte do veciño do ático, escritor frustrado que, sonámbulo, escribía as súas historias no corredor comunitario.
Mais esa, meus amigos, évos outra historia…
© Texto: Xavier Frías Conde, 2011
Sem comentários:
Enviar um comentário