sábado, abril 28, 2012

O MISTERIO DA NOVA RAZA DE MONSTRO DOS PEÚGOS [+8 anos]


O asunto era así: cada vez que dous peúgos entraban na lavadora para lavar, só saía un. Era indiferente que o peúgo sobrevivinte fose o dereito ou o esquerdo, pois sistematicamente só saía un.

Ante tal misterio, a señora Xulia mandou chamar a especialista en fenómenos estraños do concello. Acudiu axiña. Chamábase Bibiana García e era capaz de descifrar calquera misterio doméstico que tivese relación con seres estraños.

Bibiana García montou unha serie de sensores arredor da lavadora e fixo probas de todo xénero. Trouxo peúgos para facer expermientos de todas as cores e tamaños e até probou con luvas, que tamén van a pares. As luvas sufriron o mesmo efecto que os peúgos, sempre desaparecía unha.

Porén, a criatura en cuestión non aparecía. Estaba alí, sen dúbida, mais non era localizable nin coa última tecnoloxía en detección de criaturas estrañas. A hipótese que lanzou Bibiana García foi que se trataba dunha  mutación de monstro dos peúgos que resultaba invisíbel e indetectábel a toda aquela morea de aparellos ultrasensíbeis. A especialista do concello partillou as súas experiencias con colegas de todo o país e todos concordaron que se trataba dunha mutación do monstro dos peúgos común.

O concello agasallou unha lavadora nova á señora Xulia e levaron a vella ao laboratorio para continuar a lle facer probas. Querían descubrir, fose como for, como era aquela nova especie de monstro dos peúgos, ao que lle deron o nome científico de monstruus tibialium imperceptibilis, diferente, xa que logo, do monstruus tibialium domesticus.

Porén, non había xeito de localizalo, de obter unha imaxe del. Seguía a vivir naquela lavadora, porque a cada lavaxe que se facía, un peúgo sempre faltaba. E, de feito, nunca chegaron a descubrilo, para desesperación de Bibiana García e do resto do equipo.

E un bo día, cando a señora da limpeza entrou no laboratorio, atopou os científicos aínda a traballar. A muller dirixiuse a Bibiana García e  preguntoulle:

— E logo, é esta a lavadora que come un peúgo si e outro non?

— Si, señora, mais non incomode agora, que estamos a facer experimentos.

— E non podería ser que fose a propia lavadora que come os peúgos? — pregunotu a muller— . É que a miña lavadora da casa come os calzóns do meu home...

Todos quedaron petrificados. Ningún daqueles científicos chegara a pensar que non se tratase dun monstro dos peúgos diferente, senón que, sinxelamente, fose a propia lavadora a que comía un de cada dous peúgos, porque tamén ela tiña fame e era unha lambona dos peúgos impares. Se cadra, cada lavadora tiña os seus propios gustos.

© Frantz Ferentz, 2012

Sem comentários: